Archive for Febreiro 28th, 2008
Paixón
Sempre fun rarito no meu. Dende pequecho sempre me tirou o deseño. Sempre me fixei antes en como estaban feitas as cousas que me rodeaban; despois fixábame (ou non) en para qué servían, moitas veces, se non me gustaban como estaban feitas xa chegaba con prexuizos a avaliar a súa funcionalidade.
Agora un pouco máis crecidiño e teño o meu propio PDM xa marcado, os impulsos de neno tíranme cara él. É por isto polo que devoro — literalmente — todo canto cae nas miñas mans sobre deseño…só que aplicado ó meu mini-mundo particular. Ultimamente paseando pola biblioteca topei tres xoias das que estou dando boa conta.
A primeira (a cal xa acabei) é ”Mies van der Rohe. La estructura del espacio” por Claire Zimmerman da Ed. Taschen; o cal fai unha intro bastante amena no universo arquitectónico de Mies, pasando por algúns dos seus traballos máis notables (Casa Fansworth, Crown Hall, Nova Galería Nacional, etc). Un ameno repaso á obra dun dos tres xenios da arquitectura moderna — xunto con Gropius e Le Corbusier — dos cales todo o mundo debería saber algo (polo menos de orella…).
As outras dúas xoias que topei e que teño por ler son “Teoría del Color“ de Johannes Pawlik da Ed. Paidós o cal polo que vexo fai unha síntesis selectiva das teorías existentes (Goethe, Runge, Delacroix, Klee, etc.) e presenta unhas nocións básicas para a súa comprensión e utilización. E por último topei algo máis adaptado ás miñas necesidades, “The Essential Guide to User Interface Design” por Wilbert O. Galitz da Ed. Wiley, o cal é un mamotreto de setecentas páxinas dedicado a explicar os intríngülis do deseño de interfaces de usuario para entornos informáticos; vamos, un pesadelo para os axenos á materia, unha delicatessen para os amantes disto.