verbas

Dende a miña humilde opinión

Posted in do que penso by spav on 30 Novembro, 2010

Hoxe decidín acudir á facultade sen o meu ordenador, con visos de estudiar do xeito clásico. Nun dos meus paróns para estirar a miña espalda (os que me coñecen saben da miña lumbalxia) decidín achegarme a unha das aulas de ordenadores para estirar a pestana e enterarme un pouquiño do que pasa pola terra. Mal feito, as usual. Cada vez que abro a prensa peninsular ou galega é para botarse a chorar e coller un avión con algún destino paradisiaco.

Desta volta tocoulle a Xornal.com e á última opinión do seu director Jose Luís Gómez titulada ¿Va mal alemania por ser un estado federal?. Quero remarcar o de opinión porque quero pensar que é só iso, unha opinión, do mesmo xeito que eu mesmo teño opinado con anterioridade.

O artigo captou a miña atención por obter ese cocktail que emborracha a vista e clama para que sexa lido co fin de atisbar qué mente pre-clara é quén de condensar, conectar e comparar (!) o estado actual do Estado no que vivimos coa potencia europea nun lixeiro artigo de opinión. Unha vez lido, señor Jose Luís Gómez, xúrdenme as seguintes dúbidas e/ou anotacións á marxe que me gustaría deixar aquí claro.

  • Cómo é vostede capaz de comparar o estado autonómico español xurdido ás presas e da man dun grupo de alquimistas das leis co artefacto político administrativo que foi a República de Weimar e, logo do impás nazi, a formulación da RDA e a RFA? (sin mencionar a incrible loxística e enxeñería lexislativa que supuxo a reunificación).
  • Cómo é vostede quén de situar a Xesús Palmou dentro da ‘progresía’ (por contraposición á ‘caverna’) cando o señor Xesús Palmou foi un dos homes clave do PP de Fraga Iribarne, expoñente vivo da españa máis rancia e antidemocrática?. E o que é máis, como é vostede quén de dicir que Galicia ten que darlle as gracias a este señor por  ser defensor dun modelo territorial a todas luces obsoleto, improductivo e ineficiente. Cantas xeracións van terán que continuar loando unha mediocridade?
  • Cómo é vostede capaz de abstraer a bonanza dun país coma a Alemaña (estado federal) con España (estado autonómico) sen ter en conta factores sociolóxicos básicos (maneira de entender o traballo, cultura de cara ó esforzo persoal no traballo, etc.), económicos (alemaña como motor da Unión Europea, renta per cápita de ambos países, etc.), xeo-estatísticos (poboación alemana vs. poboación española, orixe poboacional), históricos, etc?. O que é máis, como é vostede capaz de vincular tan á lixeira a bonanza dun país (Alemaña) co seu modelo territorial?.
  • ‘Al Gobierno de Feijóo le corresponde en ese sentido el liderazgo, tanto para poner en valor su propia existencia como para dotar de contenido su política económica, sin renunciar de paso a abrir el debate sobre las diputaciones y los ayuntamientos. Siempre será mejor hacerlo a tiempo y con tiempo que no por decreto, de un día para otro, como en Grecia’. Canto tempo leva este suposto debate aberto?. Debería ser consciente, señor Jose Luís Gómez, de que ó recurrir á manida fórmula ‘abrir el debate sobre’ so está axudando nunha cousa: a continuar mareando a perdiz dos cidadáns, facéndolles crer que no goberno (autonómico e estatal) alguén se pregunta se o modelo autonómico é axeitado a estas alturas de século. Fraco favor lle está facendo vostede ó periodismo e, a maiores, a un suposto e futuro estado federal.

Sen o máis mínimo ánimo de ofender e dende a miña humilde opinión, señor Jose Luís Gómez, creo que vostede nese artigo está misturando o touciño coa velocidade.

Tal cual

Posted in do que me entero by spav on 21 Novembro, 2010

A cabeza de ovella cocida é un manxar típico e os panos para os mocos son vistos como de mala educación.

Tagged with: , ,

Guía para atacar a friaxe

Posted in do que me entero by spav on 1 Novembro, 2010

Cando o termómetro baixa de cinco graos saímos pitando das casas a buscar nas tendas un abrigo de tres cuartas de grosor. En España, en xeral, estamos mal acostumados a vestir contra o frío. Non sabemos combatir o frío. Eu tampouco.

Persoalmente, cando visto contra o frío adoito poñer unha camiseta de manga curta, un xersei e o abrigo e váleme perfectamente para dous ou tres días de frío intenso en Ourense, pero o frío do norte é distinto. Reykjavík é unha cidade fría (non tanto como Helsinki ou Oslo) pero ten algo que a fai diferente: o vento húmido. Ese vento ártico, húmido e constante cala ó máis rexio. É por iso que cando comezou aquí o frío (sobre o 18 de outubro as temperaturas baixaron a catro graos de máxima) comecei a falar coa xente do norte para saber como vestían, pois eu seguía sentindo frío a pesares de levar bo abrigo e calzado. Estes foron algúns dos consellos que reunín de islandeses, noruegos, suecos e fineses:

  • O máis importante a manter quente por orde de importancia: a cabeza, os pes, a cara, as mans e os brazos. Tendo estes puntos a salvo a sensación térmica aumenta e con ela o benestar ó saír á rúa.
  • Vestir en capas. Nunca algo moi gordo ou con apariencia de quentiño, mellor moitas cousas finas. Axúdanos a manter unha capa de aire quente entre prendas, que é o que nos mantén quentes. Ademáis é máis sinxelo ó entrar nos lugares con calefacción irse desvestindo segundo a túa sensación térmica.
  • Quitarse capas no momento no que entras nun lugar calefactado. O motivo é non sentir frío ó saír á rúa así como non suar (básico, pois o suor convírtese en xeo ó saír á rúa).
  • Vestir roupa transpirable. Parece unha tontería, pero é moi importante non suar no norte. Como dixen no punto anterior, suor e frío non se levan ben. Se adoitas ser unha persoa que sua moito trata de levar as máximas capas transpirables posibles.
  • Coida a cabeza, que é a que garda as ideas. O gorro sempre no bolso, nunca se sabe cando comeza o vento.
  • Utiliza la para os pes. En España adoito a utilizar calcetíns con licras e outros sintéticos. A licra e demáis sintéticos son o peor para os pes: suas e non deixa sair o suor, co que ó saír á rúa non tardas dous minutos en ter os pes frios como a neve. A la é un material básico nestas latitudes. Transpira xenial, da calor e os islandeses aprenderon a facela cool cos seus deseños. Úsaa.
  • Quita os zapatos ó entrar nunha casa. Aquí é de educación, pero ten unha utilidade. Deixar respirar os pes e secar os zapatos por dentro.
  • Por último, como me dixeron varias veces: fai frío cando baixa de -10ºC. Ata entón estase ben.

Probablemente moitos dos consellos xa os coñecíades ou parécenvos lóxicos. De calquera xeito, espero que vos sirvan de algo se tedes que pasar unha tempada ó fresquiño.

Tagged with: , ,