verbas

Sabias verbas

Posted in do que penso by spav on 29 Xaneiro, 2011

Entonces… ¿nos dirigimos hacia una sociedad tipo Gran Hermano?

Creo que nos encaminamos hacia una sociedad más parecida a lo que anticipó Huxley en Un mundo feliz que a lo que describió Orwell en 1984. Renunciaremos a nuestra privacidad y por tanto reduciremos nuestra libertad voluntaria y alegremente, con el fin de disfrutar plenamente de los placeres de la sociedad de consumo. No obstante, creo que la tensión entre la libertad que nos ofrece Internet y su utilización como herramienta de control nunca se va a resolver. Podemos hablar con libertad total, organizarnos, trabajar de forma colectiva, incluso crear grupos como Anonymous pero, al mismo tiempo, Gobiernos y corporaciones ganan más control sobre nosotros al seguir todos nuestros pasos online y al intentar influir en nuestras decisiones.

Resposta de Nicholas Carr nunha entrevista para ElPais.

Creo que non hai moito máis que engadir. I trust on this.

Unha receita

Posted in do que fago by spav on 22 Xaneiro, 2011

Pesto Genovese

Implicados –

  • 200gr. de follas de alfavaca fresca.
  • 20g. de allos.
  • Queixo parmesano.
  • 100 gr. de cacahuetes.
  • Aceite e sal.

Modus operandi –

Misturar no batedor a alfavaca co aceite. Cando creas que está todo morto, engade cacahuetes [suxerencia: quítalle a casca] e allo dependendo de canto queiras atufar. Misturar todo ata facer unha pasta. Engadir o parmesano riscado unha vez poñas o pesto enriba da pasta quente. A suxerencia para utilizar o pesto genovese é unha pasta que o suxeite: fusilli, farfalle, trofie, etc.

A papar!

Tagged with:

Aclimatado

Posted in do que penso by spav on 18 Xaneiro, 2011

Xa van uns cantos meses dende a miña aterraxe nesta terra de contrastes. Estou na posición de dicir que, deixando de lado a experiencia Erasmus en si mesma, a miña adaptación a esta terra foi perfecta. Nunca pensei que me podería adaptar tan ben, tan rápido e sentíndome tan cómodo entre as costumes da xente nesta latitude. E debo dicir que non son poucas as diferencias que topo na vida cotiá nesta parte do mundo en comparación con Galiza, de feito fáiseme difícil entender que técnicamente formemos un constructo chamado Europa, e só se me ocorre unha federación de estados que poida achegárselle en diferencias socio-culturais.

E que Islandia é rara ata entre os seus veciños nórdicos. Podería comentar centos de gags, detalles e cousas curiosas que se poden extraer das costumes aquí, moitas delas probablemente mitos e estereotipos, pero ei!, todos temos estereotipos, se queres saber cal é verdade e cal non terás que sair do teu curruncho e comprobalo por ti mesmo, namentras e no que a escandinavia se refire, sempre podedes votar unhas risadas coa tira ‘Scandinavia and The World‘, ten momentos realmente hilarantes.

Foise

Posted in do que fago by spav on 16 Xaneiro, 2011

E non hai máis que dicir.

Tagged with: ,

Dende a miña humilde opinión

Posted in do que penso by spav on 30 Novembro, 2010

Hoxe decidín acudir á facultade sen o meu ordenador, con visos de estudiar do xeito clásico. Nun dos meus paróns para estirar a miña espalda (os que me coñecen saben da miña lumbalxia) decidín achegarme a unha das aulas de ordenadores para estirar a pestana e enterarme un pouquiño do que pasa pola terra. Mal feito, as usual. Cada vez que abro a prensa peninsular ou galega é para botarse a chorar e coller un avión con algún destino paradisiaco.

Desta volta tocoulle a Xornal.com e á última opinión do seu director Jose Luís Gómez titulada ¿Va mal alemania por ser un estado federal?. Quero remarcar o de opinión porque quero pensar que é só iso, unha opinión, do mesmo xeito que eu mesmo teño opinado con anterioridade.

O artigo captou a miña atención por obter ese cocktail que emborracha a vista e clama para que sexa lido co fin de atisbar qué mente pre-clara é quén de condensar, conectar e comparar (!) o estado actual do Estado no que vivimos coa potencia europea nun lixeiro artigo de opinión. Unha vez lido, señor Jose Luís Gómez, xúrdenme as seguintes dúbidas e/ou anotacións á marxe que me gustaría deixar aquí claro.

  • Cómo é vostede capaz de comparar o estado autonómico español xurdido ás presas e da man dun grupo de alquimistas das leis co artefacto político administrativo que foi a República de Weimar e, logo do impás nazi, a formulación da RDA e a RFA? (sin mencionar a incrible loxística e enxeñería lexislativa que supuxo a reunificación).
  • Cómo é vostede quén de situar a Xesús Palmou dentro da ‘progresía’ (por contraposición á ‘caverna’) cando o señor Xesús Palmou foi un dos homes clave do PP de Fraga Iribarne, expoñente vivo da españa máis rancia e antidemocrática?. E o que é máis, como é vostede quén de dicir que Galicia ten que darlle as gracias a este señor por  ser defensor dun modelo territorial a todas luces obsoleto, improductivo e ineficiente. Cantas xeracións van terán que continuar loando unha mediocridade?
  • Cómo é vostede capaz de abstraer a bonanza dun país coma a Alemaña (estado federal) con España (estado autonómico) sen ter en conta factores sociolóxicos básicos (maneira de entender o traballo, cultura de cara ó esforzo persoal no traballo, etc.), económicos (alemaña como motor da Unión Europea, renta per cápita de ambos países, etc.), xeo-estatísticos (poboación alemana vs. poboación española, orixe poboacional), históricos, etc?. O que é máis, como é vostede capaz de vincular tan á lixeira a bonanza dun país (Alemaña) co seu modelo territorial?.
  • ‘Al Gobierno de Feijóo le corresponde en ese sentido el liderazgo, tanto para poner en valor su propia existencia como para dotar de contenido su política económica, sin renunciar de paso a abrir el debate sobre las diputaciones y los ayuntamientos. Siempre será mejor hacerlo a tiempo y con tiempo que no por decreto, de un día para otro, como en Grecia’. Canto tempo leva este suposto debate aberto?. Debería ser consciente, señor Jose Luís Gómez, de que ó recurrir á manida fórmula ‘abrir el debate sobre’ so está axudando nunha cousa: a continuar mareando a perdiz dos cidadáns, facéndolles crer que no goberno (autonómico e estatal) alguén se pregunta se o modelo autonómico é axeitado a estas alturas de século. Fraco favor lle está facendo vostede ó periodismo e, a maiores, a un suposto e futuro estado federal.

Sen o máis mínimo ánimo de ofender e dende a miña humilde opinión, señor Jose Luís Gómez, creo que vostede nese artigo está misturando o touciño coa velocidade.

Tal cual

Posted in do que me entero by spav on 21 Novembro, 2010

A cabeza de ovella cocida é un manxar típico e os panos para os mocos son vistos como de mala educación.

Tagged with: , ,

Guía para atacar a friaxe

Posted in do que me entero by spav on 1 Novembro, 2010

Cando o termómetro baixa de cinco graos saímos pitando das casas a buscar nas tendas un abrigo de tres cuartas de grosor. En España, en xeral, estamos mal acostumados a vestir contra o frío. Non sabemos combatir o frío. Eu tampouco.

Persoalmente, cando visto contra o frío adoito poñer unha camiseta de manga curta, un xersei e o abrigo e váleme perfectamente para dous ou tres días de frío intenso en Ourense, pero o frío do norte é distinto. Reykjavík é unha cidade fría (non tanto como Helsinki ou Oslo) pero ten algo que a fai diferente: o vento húmido. Ese vento ártico, húmido e constante cala ó máis rexio. É por iso que cando comezou aquí o frío (sobre o 18 de outubro as temperaturas baixaron a catro graos de máxima) comecei a falar coa xente do norte para saber como vestían, pois eu seguía sentindo frío a pesares de levar bo abrigo e calzado. Estes foron algúns dos consellos que reunín de islandeses, noruegos, suecos e fineses:

  • O máis importante a manter quente por orde de importancia: a cabeza, os pes, a cara, as mans e os brazos. Tendo estes puntos a salvo a sensación térmica aumenta e con ela o benestar ó saír á rúa.
  • Vestir en capas. Nunca algo moi gordo ou con apariencia de quentiño, mellor moitas cousas finas. Axúdanos a manter unha capa de aire quente entre prendas, que é o que nos mantén quentes. Ademáis é máis sinxelo ó entrar nos lugares con calefacción irse desvestindo segundo a túa sensación térmica.
  • Quitarse capas no momento no que entras nun lugar calefactado. O motivo é non sentir frío ó saír á rúa así como non suar (básico, pois o suor convírtese en xeo ó saír á rúa).
  • Vestir roupa transpirable. Parece unha tontería, pero é moi importante non suar no norte. Como dixen no punto anterior, suor e frío non se levan ben. Se adoitas ser unha persoa que sua moito trata de levar as máximas capas transpirables posibles.
  • Coida a cabeza, que é a que garda as ideas. O gorro sempre no bolso, nunca se sabe cando comeza o vento.
  • Utiliza la para os pes. En España adoito a utilizar calcetíns con licras e outros sintéticos. A licra e demáis sintéticos son o peor para os pes: suas e non deixa sair o suor, co que ó saír á rúa non tardas dous minutos en ter os pes frios como a neve. A la é un material básico nestas latitudes. Transpira xenial, da calor e os islandeses aprenderon a facela cool cos seus deseños. Úsaa.
  • Quita os zapatos ó entrar nunha casa. Aquí é de educación, pero ten unha utilidade. Deixar respirar os pes e secar os zapatos por dentro.
  • Por último, como me dixeron varias veces: fai frío cando baixa de -10ºC. Ata entón estase ben.

Probablemente moitos dos consellos xa os coñecíades ou parécenvos lóxicos. De calquera xeito, espero que vos sirvan de algo se tedes que pasar unha tempada ó fresquiño.

Tagged with: , ,

Anecdotario I

Posted in do que fago by spav on 26 Outubro, 2010

Eran as 18:20 e a noite víñase enriba. Eu viña camiñando da universidade, cun sorriso na faciana, os meus cascos nas orellas e pensando no bo día de clases que tivera. Perdido nos meus pensamentos encarei Bragagata. De súpeto, topo cun par de rapaciñas falando e continúo, pero unha delas solta unha frase incomprensible nun tono máis alto, e volve a repetir (máis alto), entón doume conta de que se dirixen a min. Quito os cascos, trago saliva e comezo a falar.

— Ég tala smá íslensku en ég skil ekkert.

— Talarðu ensku?

— Já!

Entón a rapaciña, no mellor inglés que escoitara en semanas, comezou a contarme que se lles ocurrira montar un show na rúa, pedíronlle permiso ós seus pais e pareceulles ben, e que fixera o favor de ‘firmar o seu libro de visitas e que tomase asento’. E ela e a súa amiga comezaron ensinarme o seu repertorio de trucos coa súa comba. Ó remataren non puiden máis que romper a aplaudir, logo pregunteille a idade. Tiñan 6 e 7 anos.

Tagged with: ,

O meu Airwaves

Posted in do que escoito, do que fago by spav on 24 Outubro, 2010

Choveu, fixo frío e tivemos que soportar colas. Pero mereceu a pena e os cartos. Cada día do festival voltei cun sorriso na faciana e a sensación de ter presenciado algo único.

Xa vai alá unha semana dende que rematou o Airwaves (o meu rematou o sábado pasado; o domingo tiña que descansar para estar fresco o luns), e nembargantes sigo coa música na cabeza.

Ólafur Arnalds, Sin Fang Bous, Thizone, Reptilicus, Hundreds, Amiina, Le corpse morte de Françoise, Moderat, Jan Mayen, Everything Everything, Bloodgroup, Hjátalín, Worm is Green, Factory Floor, JJ, Mount Kimbie, Apparat Organ Quartet, Hercules & Love Affair e Retro Stefson. Foron todos os grupos que tiven a sorte de presenciar de cabo a rabo.

Fáiseme imposible elixir un grupo, pero moitos foron os momentos para non esquencer. O suor saltando con Apparat Organ Quartet; a mandíbula desencaixada vendo o show de Moderat; a boca aberta vendo ós rapazolos de Retro Stefson comerse ós Arctic Monkeys dando un concerto nunha tenda-perruquería; a festa con Hercules & Love Affair; o momento marciano cos xemelgos actuando con Reptilicus; os pelos de punta durante todo o concerto de Hundreds; o grandiosismo que está a cobrar Sindri Már Sigfússon (Seabear e Sing Fan Bous).

Posiblemente unha das mellores experiencias musicais da miña vida. Como para pensarse en voltar unha e outra vez tan so polo festival.

 

 

 

 

Tagged with: , , ,

Into the wild

Posted in do que fago by spav on 22 Outubro, 2010

A cousa comezou ben temprano. Ás 8 xa estaba encarando a estación de autobuses de Hlemmur, pretiño do 101. O día comezaba tinguido de laranxas que foron tornando en luz matinal.

Gracias ó servizo de autobuses metropolitano de Reykjavík puidemos chegar ó noso destino, Hveragerði en pouco tempo e polo equivalente a 6 euros. O bus deixounos na gasolineira do pobo (xa dixen que en Islandia os pobos existen so si existe gasolineira, non?) e tras un chisco de información extra no punto de información de turno, comezamos a nosa ruta de 6.6km de sendeirismo.

Vapor canalizado cara o pobo

A zona de Reykjavík é un punto quente termal; nun radio de varios km á redonda indo en coche pódese observar a gran cantidade de puntos nos que o vapor emerxe da terra e forma fermosas fumarolas que se ven aumentadas co efecto do frío outono islandés. Hveragerði atópase no centro desta zona, é a capital xeotermal, e destaca por tres cousas: polos seus invernadeiros de flores e tomates quentados con lámpadas xeotermais; por ser un dos dous únicos pobos no mundo construido sobre un punto quente activo (o último tremor de 2008 abriu unha nova vía de escape para o vapor no centro do pobo); e polo seu río termal agochado entre as montañas…

E alá nos fomos, camiñando eses 6.6 km entre as montañas topando ó noso paso multitude de marcadores que nos dicían que debaixo dos nosos pes cocíase algo.

Serpenteando cara o norte, internámonos nas montañas e descubrimos as pequenas imaxes que nos ofrecía a natureza. Musgos de verdes xamáis vistos, pingas de vapor que se concentraban na herba circundante ás pozas de barro burbulleante e quedaban cristalizadas polo efecto do vento.

Gotas conxeladas polo vento

Pero tamén descubrimos as grandes forzas da natureza: as pozas de barro e auga de distintas viscosidades fervendo e burbulleando. Os grises, vermellos e blancos dos minerais atacando os nosos ollos; o vento de -2ºC zoupándonos na cara; o son do vapor golpeteando as pedras das fumarolas…

E para o final deixamos o mellor: un baño nun río termal a uns 39ºC, perdido no medio da nada. A saída foi toda unha oda á velocidade. Loitábamos contra a hipotermia secándonos e vestíndonos a trompicóns nun barro xeado mentras o vento zugaba nas orellas.

Disfrutando do baño

A volta foi calma, cansa e nun silencio sordo polo vento que zugaba con máis forza cara o serán. Éramos conscientes de que vivíramos algo que pouca xente pode contar.

Tagged with: ,