verbas

Un bo día

Posted in do que fago by spav on 14 Febreiro, 2011

Domingo. Abro os ollos e collo o teléfono para mirar a hora. 11:30. Qué ben durmín. Abro o Macbook para que o Mail me avise das mensaxes.

Achégome á ventá. Está nevado e segue nevando. 5 min. weather. Onte cando voltei o termómetro estaba en positivos e chovera todo o día. Saio á cociña e prepárome un colacao quente, un zumo fresco e dúas torradas con smjör. Mentras mordisqueo as torradas miro pola ventá como se bota enriba a ventisca que ven do mar.

Volto á miña habitación, mando dous mails e miro o facebook. Postéolle unha cousa graciosa a Gustav que chegou a min gracias a Anllo e poño ‘Night Falls Over Kortedala’ que me encanta. Aparto o Macbook e collo un libro. Tírome na cama e sae o sol coma se estivésemos en primaveira. Quédome dous minutos mirando os raios de luz que entran pola xanela. Póñome a ler.

Danme as tres. Preparo uns noodles e volto ó meu libro. Para cando remato o tempo xa mudou e decido que ás cinco irei á piscina de Sundhöllin.

Despois dalgúns largos aparece Juho. Damos uns cantos máis e decidimos tirar cara os hot tubs de fora. Xa non neva pero vai vento. Logo de pasar pola sauna e de voltar á poza máis quente decidimos que xa estamos suficientemente baldados. De camiño ás duchas saúdo a Suvi, que está dando uns largos. Menuda comunidade finesa, e dame a sensación de coñecelos a todos.

Fora da piscina decidimos ir ó Sushibarinn. O mellor sushi de toda a cidade. Para min o mellor que probei na vida. O salmón desfaise na boca. 13 €. Un gustazo.

Volto a casa pisoteando a neve. Para cando chego á miña habitación xa comezou a caer pedrazo. Un par de skypes cos queridos e unha ollada ó numeriño de Luis Tosar nos Goya.

Métome na cama e quédome durmido pensando no futuro que teño ahí diante.

Foi un bo día.

Tagged with: ,